Dentro duns días....de vacacións de Nadal!!!
Seguro que estades todos deseándoo...
Imos investigar un pouco de cantos de Nadal en Galicia...A ver qué atopades...
Os Cantares de Nadal, Cantares de Aninovo e os Cantares de Reis, foron a desculpa perfecta para faceren unha noite de alegría, de acompañamento, de ilusión... para moitos dos galegos e galegas que tiveron a súa vida no rural.
Grupos de mozos a cantar polas portas agardando recibir unha lambetada, comida ou algún outro agasallo. Actualmente esta escena lémbranos, máis do que a calquera outra cousa á celebración do Halloween anglosaxón. Porén, era esta unha tradición habitual nas nosas festas de Nadal, Aninovo e Reis hai non moitos anos. A pesar do risco de extinción no que se encontra este costume existen iniciativas para o seu mantemento e recuperación, por exemplo na forma de xugadas ou na de rondallas.
En Nadal eran panxoliñas, en fin de ano xaneiras, manueis ou aninovos e en reis os cantares de reis ou aguinaldos. Aínda que o tipo de composición mudase para cada data, a tradición de reunírense os mozos e mozas da aldea para ir de casa en casa a cantar estas pezas tradicionais era a mesma por todo o país e o obxectivo tamén: conseguir algo de xantar e algunhas lambetadas para montar unha festa. De xeito maioritario os temas das cancións estaban relacionadas co Nadal, aínda que non era estraño incluír algunha a loar á casa para a que se estaba a cantar en cada momento para así conmover a xenerosidade do doador. No caso de que a persoa homenaxeada co cantar non colaborase, existían composicións feitas a propósito nas que o afago viraba calumnia e facían saber á veciñanza toda quen estaba menos disposto a compartir os seus alimentos.
No hay comentarios:
Publicar un comentario